ALLARIZ25MIRADAS é un balcón sobre a rúa. E tamén un paseo; un paseo físico polas paredes do casco histórico e un paseo virtual  a través desta páxina web.

Dende mediados de novembro poderemos degustar, a pé de rúa, unha exposición fotográfica moi especial; unha mostra na que Allariz é protagonista a través dos seus lugares e a través dos seus veciños. 25 persoas foron invitadas a retratarse nun espazo público con significado nas súas vidas. A súa mirada emocional sobre ese lugar compleméntase con outra ollada, a do fotógrafo que, detrás da cámara, ofrece a súa propia perspectiva. Son as tres caras do prisma.

Esta mostra ao aire libre, nas rúas do casco histórico, pretende servir de aliciente para outra iniciativa moito máis ambiciosa: un álbum sentimental de Allariz. Iso é esta web: un espazo inmaterial onde situar os lugares físicos que para cada un dos veciños teñen unha significación propia, un recuncho virtual onde humanizar a materia.

Non se trata de elixir a praza máis fermosa nin o local máis concurrido nin tampouco a paisaxe máis impactante. Trátase de compartir a importancia persoal dun lugar, dunha casa talvez, dun recanto, dunha rúa, dun xardín… De descubrir Allariz dende outro punto de vista: o das sensacións, o dos sentimentos, o das lembranzas.

Allariz25Miradas bebe do espírito dos últimos 25 anos de transformación social e pretende ser unha invitación a compartir a memoria individual que se foi forxando en espazos comunitarios. A participación, a implicación, o intercambio, a convivencia, a autoestima, a proxección do pasado e da tradición son notas definitorias de Allariz dende 1989 e esta proposta mergúllase en todas esas sensacións.

É un proxecto de presente e de convivencia, un convite a compartir esa memoria particular que nos iguala ao tempo que nos singulariza, porque a historia de todos vaise facendo con esas pequenas historias que nos fan, como individuos e como sociedade, máis humanos.