www.allariz.com

galego | castelán | english

 

    Coñece Allariz      Organiza a túa viaxe      Gastronomía      Ocio      Descargas      Multimedia      Axenda

 

Ocio

Ocio » Turismo Cultural » Museos

 
Museos

PARQUE ETNOGRÁFICO DO RÍO ARNOIA
Ampliar Foto...
O Parque Etnográfico está integrado por tres elementos: o Muíño do Buraco, o Museo do Tecido “O Fiadeiro” e o Museo do Coiro “Fábrica de Curtidos Familia Nogueiras”. Todos eles son mostras representativas do que nun tempo significou o modo de vida e a economía desta zona, claramente ligada ao río Arnoia.

O Parque Etnográfico do Río Arnoia nace co obxectivo de recuperar e integrar, na vida da vila Allariz, elementos do patrimonio etnográfico que aínda subsisten sobre o territorio, pertencentes ás actividades económico-culturais xeradas ao redor do río, principalmente o curtido de peles e a transformación de gran de cereal, que forman parte dun pasado relativamente próximo.

» Información Ampliada do Parque Etnográfico (PDF)
 
MUSEO GALEGO DO XOGUETE
Ampliar Foto...
Coa finalidade de recoller todo o significado e o valor dos xogos e xoguetes de tódolos tempos, créase en Allariz o MUSEO GALEGO DO XOGUETE, instalado no Centro Social, pazo do antigo Xulgado. Esta iniciativa foi promovida polo Concello como consecuencia da doazón dunha importante colección de xoguetes recompilada durante anos por Alberto Oro Claro, un veciño de Allariz.

Esta colección conta cunha parte importante de xoguetes considerados antigamente como “masculinos” e de xoguetes bélicos, destacando tamén xogos de mesa e proxectores de cine.

Dende a súa inauguración no ano 1995, os fondos iniciais foron aumentando e enriquecéndose con outras doazóns de visitantes que colaboran coas súas achegas. Destacan, entre estas, unha colección de arredor de 300 cadeiras de distinta procedencia de Belén Outeiriño, de Ourense; un conxunto de bonecas de todo o século de Mª del Carmen Encinas, de Ourense; unhas fantásticas casas de bonecas ou un futbolín inglés feminino, de 1917, recentemente doado por un anticuario de Madrid.

O Museo ofrece novas posibilidades que permiten e favorecen a participación activa dos visitantes poñendo á súa disposición sinxelos xogos de habilidade nos que se empregan os sentidos, sobre todo a vista ou o tacto.
 
MUSEO ICONOGRÁFICO ASER SEARA
Ampliar Foto...
Este novo museo nace froito da doazón de Aser Seara, que cumpre deste xeito o seu desexo de depositar na súa vila unha valiosa colección de arte sacra recompilada dende o ano 1960.

Nesta ampla e variada colección móstranse varias pezas de arte popular relixiosa. Predominan esculturas e pezas baseadas nos temas Marianos, aínda que tamén se mostran imaxes de Cristo e Santoral.

Imaxes do Románico, Gótico e Barroco, datadas entre os séculos XII e XIX están expostas nesta antiga casa dos Conde Aldemira, un fermoso edificio restaurado no casco histórico de Allariz.
 
CASA-MUSEO FUNDACIÓN VICENTE RISCO
Ampliar Foto...
A Fundación Vicente Risco constituíuse o 12 de abril de 1995 por iniciativa de Antón Martínez-Risco Fernández, coa finalidade de afondar na obra do intelectual e polígrafo don Vicente Martínez-Risco Agüero, continuando así o seu labor a prol de Galiza.

A sede, propiedade municipal cedida posteriormente á Fundación, estableceuse na casa da dona de Vicente Risco, na rúa San Lourenzo de Allariz, onde o escritor traballou e pasou longas tempadas ata a súa morte. Foi soterrado no cemiterio da vila.

O edificio acolle a biblioteca e despacho de Vicente Risco, manuscritos, notas, debuxos do propio Risco, así como obxectos persoais e obras artísticas que lle pertenceron. Este fondo complétase coa biblioteca, documentos e obra plástica propiedade de Antón Risco, impulsor e primeiro presidente da Fundación ata a súa morte no ano 1998.
 
MUSEO DE ARTE SACRO DE SANTA CLARA
Ampliar Foto...
O Museo de Arte Sacro de Santa Clara abrangue tres pequenas dependencias barrocas do Convento construído no século XVIII, cunha estrutura interior que data do século XIII, pertencente á orde das irmás clarisas. Noutro tempo parece que custodiou grandes obras artísticas das que algunhas son mostradas no museo.
Destacan, sobre todas, a Virxe Abrideira, unha pequena talla de marfil de finais do século XIII e case segura doazón da Raíña de Castela e León, Dona Violante, fundadora do Convento e muller de Alfonso X O Sabio.
A outra peza sobresaínte é a Cruz de Cristal de Roca, que mostra interesantes técnicas artísticas de ourivería gótica.

siguenos en facebook...  siguenos en Twitter...

XX Andaina de Allariz

VIII Festival Internacional de Xardíns de Allariz

Reserva da Biosfera - Área de Allariz

Mercado da Reserva da Biosfera

Centro Comercial Outlet

OFICINA MUNICIPAL
DE INFORMACIÓN

Paseo da Alameda s/n
32660 ALLARIZ - Ourense
Tlf. 988 44 20 08
informacion@allariz.com

 

(C) Concello de Allariz       + + +       aviso legal       + + +       Accesibilidad       + + +       Deseño e Programación: @inet Consulting