Banner Concello de Allariz....
 O CONCELLO       ÁREAS MUNICIPAIS       TURISMO        URBANISMO        ENTIDADES       ACTUALIDADE          inicio | portada
 
información turística
 
 

 


»

Feira do Doce, Amendoado e Melindre de Allariz

[im148]No ano 1996, o Concello de Allariz, xunto coa práctica totalidade dos seus produtores e o seu Consello Reitor, botaron a andar a “Feira do Doce , Amendoado e Melindre de Allariz”. Nacía, daquela, cunhas miras perfectamente definidas: valoración da repostería local, buscando fundamentalmente a súa calidade e promoción económica nun mercado cada vez máis global e competitivo. Nesa primeira edición, desenvolvida os días doce e trece de xullo, o empresario e intelectual ourensán Xosé Posada pronunciou un extraordinario pregón do que non nos resistimos a transcribir algúns parágrafos “.... os amendoados, as roscas e os melindres foron comida e alimento de reis e regalía de monxas e abadesas. Non se sabe se Alarico escolleu Allariz porque aquí se facían bos amendoados ou se os suevos o escolleron a el porque era quen os facía mellor que ninguén......” “.....do Pan de Marte, marcipane, ven o amendoado (mazapán), que ven sendo o mesmo, só que máis requintado e alaricano. E da pasta de mazapán bañada en azucre branco, orixináronse os melindres.....” “..... e melindre tamén quere dicir pamplina e remilgo. Non fagamos melindres aos melindres que a mellor homenaxe que lles podemos facer ben sendo comelos ata fartar, remollados ou acompañados dunhas copas de equilibrado e harmónico licor café, feito co bagazo da nosa Terra ou País como lle chaman os vellos.....” “¡Alaricanos , comamos e bebamos que hoxe é Festa!”.


Na segunda edición, a Feira trasladouse a comezos de agosto e por primeira vez empregáronse as etiquetas da denominación.


[im149]O verán do 98 pasará á historia de Allariz como “ o da película”, o da Lingua das bolboretas. O seu director, José Luis Cuerda, actuou como pregoeiro con enxeño e mestría, facendo as delicias dos asistentes ao buscarlle usos alternativos aos mazapáns excesivamente endurecidos que ben poderían facer de lascas planadoras sobre a tranquila superficie das augas do Arnoia, rememorando así o tradicional xogo de rapaces.


A novidade da feira de 1999 constituíuna a presentación de novos sistemas de envasado coa colaboración, de novo, da Facultade de Nutrición e Dietética. Tratábase de resolver así, co sistema de atmosfera controlada, un dos principais problemas dos nosos doces, como é a súa conservación en boas condicións. O pregón pronunciouno o popular Manuel Lourenzo, Melgacho na serie televisiva de Mareas Vivas, despois dun espectacular descenso en barca polo Arnoia con desembarco na Alameda.


No 2000 a Feira trasladouse a comezos de setembro, datas que se manteñen na actualidade. Foi a dese ano unha edición innovadora, e non só polo cambio de datas: comezou unha xeira de pregóns - espectáculos e a homenaxe e recoñecemento a artesáns do sector. O dúo de actores “ Mofa e Befa” encargouse, daquela, dun pregón en clave cómica que entusiasmou os asistentes. Pola súa banda, o Concello e a Asociación de Productores e Artesán renderon homenaxe a Manuela González Rodríguez, da Fonda A Gloria, a Dolores Bouzas Cid, de Casa Fandiño, e a José Luís González González de Licores Zirall.


[im150]A edición de 2001 presentou como novidade a representación teatral “Doce e brevísima farsa da historia do amendoado” no marco da Alameda e en clave de humor, a cargo de membros da Asociación de veciños do Mato, dirixidos por Xián Bobillo. Vide adenda. O pregón , tamén en ton distendido, correu a cargo do actor Sergio Pazos. A homenaxe, simbolizada na entrega dunha placa conmemorativa, correspondeulle nesta ocasión á artesá Aurora Rodríguez.
Manuela González Seara, con 90 anos as costas, foi a homenaxeada en setembro de 2002 na sétima edición da Feira. Manuela adicou a súa vida á complicadísima producción de améndoas de pico, que, en palabras do secretario da Asociación Miguel Mosquera, “Máis que un producto de repostería son unha obra de arte”. «Los Fabulosos Cubatas The Focking Brothers» puxeron de novo a nota de humor ao pregón.


En setembro do 2003 as homenaxeadas a título póstumo foro as irmáns Carmen e Aurora Rodríguez de Andrés. O Pregón, nun ano negro para Galiza, pronunciárono o Dúo Chapapote, na mesma liña que os seus predecesores. A novidade veu dada pola invitación e presenza na Feira da Confeitería Felechosa, de Asturies, que presentou os seus típicos e deliciosos “Casadielles de Aller”.

A climatoloxía xogou en contra da novena edición, en setembro de 2004, facéndose preciso trasladar a Feira do seu emprazamento xa tradicional na Alameda á Praza de Abastos. A homenaxe correspondeulle á familia Perillo, de longa e recoñecida tradición no sector, representada no acto de entrega da placa commemorativa por Herminio Rodríguez Pérez. A actriz Patricia Vázquez, no seu pregón en clave de humor, tentou demostrar que Allariz realmente estaba en Centroeuropa polo coidado do entorno, do patrimonio e das tradicións como a que nos ocupa.. Como convidado, a máis das Confituras de Felechosa de Asturies, acudiu por primeira vez Iñaki Gorrotxategui, mestre pasteleiro da Repostería Gorrotxategui, con tradición no País Vasco dende o s.XVII, e promotor, xunto coa súa familia, do Museo de Repostería de Tolosa.

En setembro de 2005, a Feira faise no seu emprazamento tradicional na Alameda. A homenaxe correspondeulle a Rosa Pérez Camba a título póstumo, de recoñecida tradición no sector. O autor teatral Cándido Pazó representou o seu pregón en clave de humor... Como convidados, a máis das Confituras de Felechosa de Asturies, e da Repostería Gorrotxategui, cos seus Xaxus e Tellas de Tolosa, estivo por primeira vez Productos Artesanos Peñín cos seus Chocolates de Astorga e os Imperiales e Yemas da Bañeza dende León.

Agardamos que futuras edicións acaben por consolidar a un sector que non só prestixia a nosa Vila senón que tamén supón un motor de desenvolvemento importante para a nosa economía.


ver enlace...Galería de Fotografías da XII Feira (ano 2007)
ver enlace...XIII Feira do Doce e Amendoado de Allariz 2008

 


 

(C) Concello de Allariz       + + +       aviso legal       + + +       Accesibilidad       + + +       Deseño e Programación: @inet Consulting